Feitos dos Apóstolos 7:1-60

  • Discurso de Esteban diante do Sanedrín (1-53)

    • A época dos patriarcas (2-16)

    • Moisés guía a Israel; idolatría dos israelitas (17-43)

    • Deus non vive en templos feitos por homes (44-50)

  • Matan a Esteban a pedradas (54-60)

7  Entón, o sumo sacerdote preguntoulle: “É certo iso que din?”.  Esteban respondeu: “Irmáns e respectados anciáns, escoitade. O Deus da gloria aparecéuselle ó noso antepasado Abrahán cando estaba en Mesopotamia, antes de que fose vivir a Harán,  e díxolle: ‘Deixa a túa terra e os teus parentes, e vaite para a terra que eu che mostrarei’.  Así que deixou a terra dos caldeos e foi vivir a Harán. Despois de que morrese seu pai, Deus fixo que se mudase á terra na que vivides agora.  Aínda así, non lle deu nesa terra ningunha herdanza, nin sequera un cacho onde poñer o pé. Pero prometeu darlla en propiedade a el e despois ós seus descendentes, aínda que daquela non tiña fillo ningún.  Ademais, díxolle que os seus descendentes serían estranxeiros nunha terra que non era deles e que a xente de alí os convertería en escravos e os maltrataría durante 400 anos.  Deus dixo: ‘Eu vou xulgar a nación que os converterá en escravos’. E tamén dixo: ‘Despois diso, eles sairán de alí e daranme servizo sagrado neste lugar’.  ”Tamén lle deu o pacto da circuncisión. Abrahán chegou a ser o pai de Isaac e circuncidouno ó oitavo día. Isaac chegou a ser o pai de Xacob* e Xacob chegou a ser o pai dos 12 patriarcas.  Eles puxéronse celosos do seu irmán Xosé e vendérono a Exipto. Pero Deus estaba con el, 10  e liberouno de tódalas súas desgrazas, deulle sabedoría e fixo que conseguise a aprobación do faraón, o rei de Exipto. Despois, o faraón encargoulle que gobernase Exipto e toda a súa casa. 11  Pero houbo unha época de moita fame en todo Exipto e Canaán. Foi un tempo de moita angustia* e os nosos antepasados non tiñan nada que comer. 12  Cando Xacob escoitou que había comida* en Exipto, mandou alí os nosos antepasados por primeira vez. 13  E cando foron por segunda vez, Xosé díxolles ós seus irmáns quen era el, e o faraón chegou a saber da familia de Xosé. 14  Entón Xosé mandou que trouxesen a seu pai Xacob e toda a súa familia. En total eran 75 persoas. 15  Así que Xacob baixou a Exipto e morreu alí, igual que os nosos antepasados. 16  Os ósos foron levados a Siquem e enterrados na tumba que Abrahán lles comprara con prata* ós fillos de Hamor en Siquem. 17  ”Xusto cando se estaba acercando o tempo de que se cumprise a promesa que Deus lle fixera a Abrahán, o pobo medrou e multiplicouse en Exipto, 18  ata que empezou a gobernar alí un rei diferente que non coñecía a Xosé. 19  Este rei aproveitouse do noso pobo e obrigou os nosos pais a abandonar os seus bebés para que morresen. 20  Naquel tempo naceu Moisés, que era precioso incluso ós ollos de Deus, e criouse durante tres meses na casa de seu pai. 21  Pero cando o abandonaron, a filla do faraón encontrouno e criouno coma se fose fillo seu. 22  Así que Moisés foi educado en toda a sabedoría dos exipcios. De feito, as cousas que dicía e facía demostraban que tiña moito poder. 23  ”Cando tiña 40 anos, decidiu ir ver como estaban os seus irmáns, os israelitas. 24  Cando viu que estaban maltratando a un deles, defendeuno e vingouno matando o exipcio que o maltrataba. 25  Pensou que os seus irmáns entenderían que Deus os estaba salvando mediante el, pero eles non o entenderon así. 26  Ó día seguinte, foi onda dous deles que estaban pelexando e intentou que fixesen as paces. Díxolles: ‘Sodes irmáns. Por que pelexades entre vós?’. 27  Pero o que lle estaba pegando ó seu irmán empuxou a Moisés e díxolle: ‘E a ti quen te escolleu como gobernante e xuíz sobre nós? 28  Seica queres matarme a min tamén como mataches onte o exipcio?’. 29  Ó escoitar iso, Moisés escapou de Exipto e foi vivir como estranxeiro á terra de Madián. Alí casou e tivo dous fillos. 30  ”E 40 anos despois aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinaí, no lume dun arbusto* que estaba ardendo. 31  Cando Moisés viu iso, quedou impresionado. E ó acercarse para velo mellor, escoitou a voz de Xehová* que dicía: 32  ‘Eu son o Deus dos teus antepasados, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob’. Moisés empezou a tremer e non se atreveu a seguir mirando. 33  Entón, Xehová* díxolle: ‘Quita as sandalias, porque o chan que estás pisando é santo. 34  Vin como maltratan o meu pobo en Exipto, escoitei os seus lamentos e baixei para liberalos. Agora, ven, voute mandar a Exipto’. 35  Este é o mesmo Moisés que rechazaran dicindo: ‘E a ti quen te escolleu como gobernante e xuíz?’. Pero foi a el a quen Deus enviou como gobernante e salvador mediante o anxo que se lle apareceu no arbusto. 36  Foi Moisés quen os sacou de Exipto facendo cousas impresionantes e milagres alí, e tamén no Mar Vermello e no deserto durante 40 anos. 37  ”Este é o mesmo Moisés que lles dixo ós fillos de Israel: ‘Deus escollerá para vós un profeta coma min entre os vosos irmáns’. 38  El foi o que estivo entre o pobo de Israel no deserto, o que estivo co anxo que lle falou no monte Sinaí e cos nosos antepasados. El recibiu as palabras de Deus que teñen tanto poder* e déunolas a nós. 39  Os nosos antepasados non quixeron obedecelo. En vez diso, rechazárono e nos seus corazóns quixeron volver a Exipto. 40  De feito, dixéronlle a Aarón: ‘Fainos deuses que nos guíen, porque non sabemos que lle pasou a este Moisés que nos sacou da terra de Exipto’. 41  Así que naqueles días fixeron un ídolo con forma de becerro, ofrecéronlle un sacrificio e puxéronse a celebrar o que fixeran. 42  Entón Deus abandonounos e deixou que adorasen os astros do ceo, tal como está escrito no libro dos profetas: ‘Oh, casa de Israel, verdade que as ofrendas e os sacrificios que fixestes durante 40 anos no deserto non eran para min? 43  Todo o contrario: fixestes imaxes da tenda de Moloc e da estrela do deus Refán, e levástelas con vós para adoralas. Por iso vos vou desterrar máis alá de Babilonia’. 44  ”Os nosos antepasados tiñan a tenda do Testemuño no deserto. Deus mandáralle a Moisés que a fixese seguindo o modelo que el lle mostrara. 45  Os nosos antepasados herdárona e levárona con Xosué á terra das nacións que Deus expulsou diante deles. E quedou alí ata os días de David. 46  David tivo a aprobación de Deus e pediulle ter o privilexio de facer unha casa para el, o Deus de Xacob. 47  Pero foi Salomón quen lla fixo. 48  Con todo, o Altísimo non vive en casas feitas por mans humanas. É como di o profeta: 49  ‘Xehová* di: “O ceo é o meu trono e a terra é o banco para os meus pés. Que tipo de casa faredes para min? Acaso hai algún sitio onde eu poida descansar? 50  Non foi a miña man a que fixo todas estas cousas?”’. 51  ”Sodes cabezóns*​, tedes o corazón duro e os oídos pechados*​. Estades sempre desobedecendo o espírito santo. Facedes o mesmo que fixeron os vosos antepasados. 52  A cal dos profetas non perseguiron eles? Mataron os que anunciaron que ía vir o Xusto, a quen vós traizoastes e asasinastes. 53  Vós recibistes a Lei tal e como a transmitiron os anxos, pero non a obedecestes”. 54  Ó escoitar todo isto, os seus corazóns* enchéronse de rabia e, mirando para Esteban, empezaron a apertar os dentes. 55  Pero el, cheo de espírito santo, mirou cara ó ceo e viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita del, 56  e dixo: “Mirade! Vexo os ceos abertos e o Fillo do Home de pé á dereita de Deus”. 57  Entón, eles puxéronse a berrar con tódalas súas forzas, taparon os oídos para non escoitar o que dicía e botáronse todos enriba del. 58  Despois, sacárono da cidade e empezaron a tirarlle pedras. E as testemuñas falsas que o acusaran deixaron os seus mantos ós pés dun home novo que se chamaba Saulo. 59  Mentres o estaban matando a pedradas, Esteban suplicou: “Xesús, meu Señor, recibe o meu espírito”. 60  Entón, púxose de xeonllos e berrou con voz forte: “Xehová*​, non lles teñas en conta este pecado”. E despois de dicir isto, morreu*​.

Notas ó pé

Ou quizais “fixo o mesmo con Xacob”.
Lit. “tribulación”.
Ou “que había gran”.
Ou “con certa cantidade de cartos”.
Ou “arbusto espiñoso”.
Ou “que están vivas”.
Ou “cazurros”, “túzaros”.
Lit. “incircuncisos de corazón e de oídos”.
É dicir, os corazóns dos membros do Sanedrín.
Ou “durmiuse na morte”.