Ir ó contido

Ir ó índice

O dilema dun estudante

O dilema dun estudante

Pedro revólvese na súa cadeira e ponse moi nervioso. A súa profesora, á que respecta moito, acaba de explicar como Charles Darwin e a súa teoría da evolución impulsaron o coñecemento científico e liberaron a humanidade das crenzas supersticiosas. Agora pídelles ós alumnos que expresen a súa opinión.

O rapaz vese nun dilema. Os seus pais ensináronlle que Deus creou a Terra e tódolos seres vivos que hai nela. Din que o relato bíblico da creación é real e que a evolución non é máis ca unha teoría que non está demostrada polas probas. Tanto a súa profesora coma os seus pais teñen as mellores intencións. Así que, a quen vai crer?

Esta situación repítese ano tras ano en miles de aulas de todo o mundo. Que deberían facer Pedro e outros estudantes coma el? Non che parece que é un asunto sobre o que teñen que decidir por si mesmos? Pero para iso teñen que analizar as probas que hai a favor da evolución e da creación, e decidirse por unha das dúas.

De feito, a Biblia di que non debemos crer cegamente todo o que nos din, e advirte: “O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos” (Proverbios 14:15). A Biblia anima os cristiáns a examinar todo o que outros lles ensinan para comprobar por eles mesmos se é certo ou non (1 Tesalonicenses 5:21).

A intención deste folleto non é apoiar os grupos relixiosos que loitan para que nos centros educativos se ensine a creación. O seu obxectivo é analizar algúns argumentos de persoas que afirman que a vida apareceu de xeito espontáneo e que o relato bíblico da creación é un mito.

Imos centrar a atención na célula, por ser a unidade fundamental dos seres vivos. Atoparás datos sorprendentes sobre a estrutura das células. Tamén terás a oportunidade de analizar as suposicións nas que se basea a teoría da evolución.

Todos debemos preguntarnos nalgún momento: “Como empezou a vida? Será o resultado da creación ou da evolución?”. O máis probable é que xa te parases a pensar neste tema. Este folleto ofrece só unha mostra das abundantes probas que convenceron a moitas persoas de que a vida é obra dun Creador.