Ir ó contido

Ir ó índice

Deus trata as mulleres con respecto e dignidade

Deus trata as mulleres con respecto e dignidade

MENTRES Xesús estivo na Terra, reflectiu á perfección a personalidade e a forma de facer as cousas do seu Pai celestial. Explicou: “Non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou”. E despois dixo: “Eu fago sempre o que a El lle agrada” (Xoán 8:28, 29; Colosenses 1:15). Así que, para facernos unha idea do que Deus pensa das mulleres e de como quere que as traten, non hai nada mellor que analizar o exemplo de Xesús.

Diferentes expertos nos Evanxeos concluíron que a actitude de Xesús cara á muller é, como mínimo, innovadora. En que sentido? E máis importante aínda, poderían ter as súas ensinanzas algún efecto liberador nas mulleres da actualidade?

Como tratou Xesús as mulleres

Xesús non as consideraba obxectos sexuais. Para moitos líderes relixiosos xudeus, as mulleres eran unha perigosa fonte de tentacións e calquera contacto con elas podía levar á luxuria. De aí que lles prohibisen falar con homes en público ou saír sen cubrirse a cabeza. Pero Xesús nunca insinuou que había que excluílas da vida social. Máis ben, ensinou que os homes tiñan que controlar os seus desexos carnais e tratalas con respecto (Mateo 5:28).

Noutra ocasión dixo: “O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira” (Marcos 10:11, 12). Obviamente, Xesús non concordaba coa idea rabínica, tan común daquela, de que os homes podían divorciarse “por un motivo calquera” (Mateo 19:3; 19:9, TNM). A maioría dos xudeus tiñan un concepto equivocado do adulterio. Non crían que un home fose adúltero por deitarse cunha muller que non fose a súa. Segundo os rabinos, só as mulleres eran infieis, nunca os homes. Certo comentario bíblico explica: “Xesús, ó poñer o marido baixo as mesmas obrigacións morais que a súa muller, elevou o nivel e a dignidade das mulleres”.

Beneficio para as mulleres da actualidade. Nas congregacións das testemuñas de Xehová, as mulleres relaciónanse cos homes libremente, seguras de que non as mirarán de forma desapropiada nin as tratarán con excesiva familiaridade. Os homes cristiáns esfórzanse por tratar “ás vellas, coma a nais; ás mozas, coma a irmás, con toda delicadeza” (1 Timoteo 5:2).

Xesús dedicou tempo a instruílas. Os rabinos daqueles tempos querían manter as mulleres na ignorancia. Pero Xesús dedicou tempo a ensinarlles a verdade e animounas a expresar o que pensaban. El non cría que tivesen que limitarse a traballar na cociña. Demostrouno nunha ocasión cando non permitiu que María perdese a oportunidade de aprender (Lucas 10:38-42). Ademais, as respostas ben pensadas que Marta, a irmá de María, lle deu a Xesús trala morte de Lázaro revelan que ela tamén sacou proveito da súa ensinanza (Xoán 11:21-27).

Xesús tamén se preocupaba polo que pensaban as mulleres. A maioría das mulleres xudías do seu tempo pensaban que para ser felices tiñan que ter un fillo que se convertese en alguén importante, a poder ser nun profeta. Por iso, cando unha muller lle dixo “ditoso o ventre que te levou”, el aproveitou para ensinarlle que ser obedientes a Deus é máis valioso (Lucas 11:27, 28). Así demostrou que as mulleres tiñan labores máis importantes que as que lles impoñía a tradición (Xoán 8:32).

Beneficio para as mulleres da actualidade. Os comentarios das mulleres nas reunións de congregación son moi ben recibidos. Os mestres da congregación respectan as mulleres que son maduras espiritualmente e que son “mestras do ben” tanto en público como en privado (Tito 2:3). Tamén contan con elas para anunciar as boas noticias sobre o Reino de Deus (Salmo 68:11, TNM; mira o recadro  “Prohibiu o apóstolo Paulo que as mulleres falasen?”).

Xesús valorounas. En tempos bíblicos valorábanse máis os fillos que as fillas. O propio Talmud dicía: “Feliz o que ten fillos, e desgraciado o que ten fillas”. Para algúns pais, unha filla era unha carga moi pesada porque tiñan que atoparlle marido e pagar o dote, e non podían contar con que os coidase na súa vellez.

Pero Xesús demostrou que valoraba tanto a vida dunha nena como a dun neno. Igual que resucitou o fillo da viúva de Naín, tamén resucitou a filla de Xairo (Marcos 5:35, 41, 42; Lucas 7:11-15). Noutra ocasión, curou unha muller que estaba “eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar”. Ata lle chamou “filla de Abraham”, unha expresión case descoñecida nos escritos xudeus (Lucas 13:10-16). Con esta expresión respectuosa e cariñosa demostrou que, ademais de recoñecer as mulleres como membros de pleno dereito da sociedade, tamén recoñecía a súa profunda fe (Lucas 19:9; Gálatas 3:7).

Beneficio para as mulleres da actualidade. Un dito asiático di: “Criar unha filla é como regar o xardín do veciño”. Pero, lonxe de ter esa forma de pensar, os pais cristiáns son amorosos, coidan ben de tódolos seus fillos, sexan nenos ou nenas, e asegúranse de que reciben a educación e a atención médica debida.

Xesús confioulle a María Magdalena o honor de anunciar a súa resurrección ós apóstolos

Xesús confiou nelas. Nos tribunais xudeus, o testemuño dunha muller valía tan pouco coma o dun escravo. De feito, o historiador do século I Xosefo dicía: “Non valerá o testemuño de mulleres pola frivolidade e descaro propios do seu sexo”.

Que diferente foi Xesús! El escolleu mulleres para que anunciasen a súa resurrección (Mateo 28:1, 8-10). Aínda así, pese a que estas fieis mulleres presenciaran a execución e o enterro de Xesús, ós apóstolos custoulles crer o que dicían (Mateo 27:55, 56, 61; Lucas 24:10, 11). Pero está claro que Xesús, ó aparecerse primeiro ás mulleres, probou que as consideraba tan dignas de ser as súas testemuñas como a calquera outro discípulo (Feitos 1:8, 14).

Beneficio para as mulleres da actualidade. Os homes que teñen responsabilidades na congregación cristiá mostran a súa consideración ás mulleres tomando en conta a súa opinión. Os maridos tamén honran as súas mulleres escoitándoas con atención (1 Pedro 3:7; Xénese 21:12).

Os principios bíblicos fan que as mulleres sexan máis felices

Quen segue os principios bíblicos, respecta e trata con dignidade as mulleres

Cando os homes imitan a Cristo, as mulleres reciben a liberdade e o respecto que Deus se propuxera orixinalmente para elas (Xénese 1:27, 28). Os maridos cristiáns non promoven actitudes machistas. Máis ben, guíanse por principios bíblicos que fan que as súas mulleres sexan máis felices (Efesios 5:28, 29).

Cando Yelena empezou a estudar a Biblia, sufría en silencio o trato duro e insensible do seu marido. El criouse nun ambiente violento onde o rapto da noiva e os malos tratos físicos á muller eran habituais. Ela explica: “A Biblia deume forzas. Aprendín que había un Deus que me amaba de verdade, me valoraba e se preocupaba por min. Deime conta de que o meu home podía cambiar se el tamén estudaba a Biblia”. O seu soño fíxose realidade tempo máis tarde, cando o seu home se bautizou como testemuña de Xehová. Yelena di: “Converteuse nun exemplo de autocontrol. E os dous aprendemos a perdoar”. Ela recoñece: “Os principios bíblicos contribuíron a que me sinta máis querida e protexida no meu matrimonio” (Colosenses 3:13, 18, 19).

O caso de Yelena non é unha excepción. Millóns de mulleres coma ela son felices porque tanto elas coma os seus maridos se esforzan por aplicar os principios bíblicos na súa relación de parella. E tamén atopan consolo e se senten respectadas e libres entre os seus compañeiros cristiáns (Xoán 13:34, 35).

Tódolos cristiáns, tanto homes como mulleres, recoñecen que son imperfectos e pecadores e que son parte da creación “sometida ó fracaso”. Con todo, están convencidos de que, achegándose ó seu amoroso Deus e Pai, Xehová, serán liberados “da escravitude da corrupción” e desfrutarán da “salvación gloriosa dos fillos de Deus”. Que marabillosa esperanza para os homes e mulleres que están baixo o cariñoso coidado de Deus! (Romanos 8:20, 21).