Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Seguimos axudándolles ós nosos irmáns no 2021

Seguimos axudándolles ós nosos irmáns no 2021

1 DE XANEIRO DE 2022

 Durante o ano de servizo de 2021, a o mundo continuou sufrindo por culpa da pandemia da COVID-19. Como se explicou no artigo “Axuda mundial durante a pandemia”, gastáronse millóns de dólares b en axuda e formáronse máis de 950 Comités de Socorro.

 Mentres a pandemia seguía causando moito sufrimento, outros desastres, tanto naturais como provocados polo home, afectáronlle ós nosos irmáns por todo o mundo. O Comité de Coordinadores do Consello Reitor aprobou gastar 8 millóns a maiores das axudas destinadas á COVID-19. Estes cartos usáronse para axudar en máis de 200 desastres. Vexamos agora como se usaron estas doazóns para axudarlles ás vítimas de dous desastres recentes.

A Erupción do monte Nyiragongo

 O 22 de maio de 2021, o Monte Nyiragongo, un volcán da República Democrática do Congo, entrou en erupción. A lava destruíu casas, escolas e tamén un depósito de auga. Pero este non foi o único perigo. Durante os días seguintes á erupción, o po tóxico do volcán caeu sobre a cidade de Goma e rexistráronse ducias de terremotos. Ordenaron desaloxar a máis da metade da cidade. Centos de miles fuxiron, e algúns cruzaron a fronteira a Ruanda.

Nun Salón do Reino, o Comité de Socorro local fixo papas de avea quentes.

 Entre as persoas que tiveron que marchar, había unhas cinco mil testemuñas de Xehová. Algúns perderon os seus fogares por culpa da erupción e a outros roubáronlle na casa despois de fuxir. Os Comités de Socorro de Ruanda e da República Democrática do Congo, coordinaron tarefas de axuda. A sucursal congolesa comenta o seguinte sobre un Comité de Socorro: “A pesar da caótica situación da cidade e incluso antes da orde de desaloxo, o comité comezou a distribuír comida, auga, mantas e roupa”. Nunha cidade onde estaban reunidos máis de dous mil irmáns, un Comité de Socorro instalou tendas, repartiu máscaras e explicou como reducir o risco de contaxiarse da COVID-19 e da cólera.

Os irmáns pesan bolsas de comida antes de distribuílas a outras testemuñas de Xehová.

 Nos tres meses seguintes ó desastre, os nosos irmáns distribuíron máis de seis toneladas de arroz, seis toneladas de fariña de millo, tres toneladas de aceite para cociñar e tres toneladas de auga. Para aforrar cartos, a sucursal fixo plans para mercar comida na zona en grandes cantidades, en vez de pedila máis cara ó estranxeiro.

 Unha irmá conta: “Estabamos moi desanimados e tristes”. O volcán acababa de destruír a súa nova casa, pero despois ela e a súa familia recibiron axuda física e espiritual. Agora di: “Coa axuda de Xehová, temos o que necesitamos. Puidemos ver como nos axuda a levar as nosas cargas e fai que sexan máis fáciles de soportar”.

O Colapso económico de Venezuela

 Durante anos, Venezuela sufriu unha grande crise económica. Os nosos irmáns están soportando unhas circunstancias moi difíciles. Faltan os alimentos e aumenta a delincuencia. Non obstante, a organización de Xehová non os abandona.

Os irmáns cargan sacos de arroz para repartir en diferentes partes de Venezuela.

 Durante o último ano de servizo, gastáronse máis de 1,5 millóns de dólares en comprar e transportar comida e xabón para as familias que máis o necesitaban. A sucursal de Venezuela informa: “Non hai un xeito fácil de transportar cada mes 130 toneladas de comida por todo o país e facerllo chegar ós irmáns que máis o necesitan”. Para asegurarse de que a comida non se desaproveita, os irmáns envían artigos non perecedoiros. A sucursal engade: “Compramos a maioría da comida a granel e na tempada, cando os prezos están máis baixos. Despois buscamos o método de transporte máis económico”.

Por culpa da gran falta de combustible e os poucos vehículos dispoñibles, os irmáns máis novos viaxan 18 quilómetros en bicicleta para entregarlle comida ás súas congregacións.

 Leonel, do Comité de Socorro de Venezuela, encántalle a súa asignación. El di: “As tarefas de axuda son especiais. Este privilexio fortaleceume moito despois de que morrera a miña querida muller pola COVID-19. Mantéñome ocupado e síntome útil ó axudarlles ós irmáns necesitados. Vin persoalmente como Xehová mantén a promesa de non abandonar o seu pobo”.

 Un irmán que no pasado formara parte do Comité de Socorro di: “Agora tocábame a min recibir axuda. Non só recibimos recursos materiais. Os irmáns axudáronnos á miña muller e a min a manter a calma. Coidaron de nós, animáronnos e consoláronnos”.

 Algúns desastres ocorren con pouco ou ningún aviso previo. Non obstante, a organización de Xehová pode obter e dar axuda rapidamente grazas ás túas doazóns para a obra mundial. Podes utilizar algún dos métodos dispoñibles en donate.mt711.com. Graciñas polas túas xenerosas doazóns.

a O ano de servizo de 2021, comezou o 1 de setembro do 2020 e rematou o 31 de Agosto do 2021.

b Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.