Ir ó contido

Ir ó índice

Pode a Biblia axudarche se es vítima do clima extremo?

Pode a Biblia axudarche se es vítima do clima extremo?

 Furacáns, tifóns, ciclóns e tornados poden causar inundacións, subidas sen control da marea ou danos causados polos fortes ventos. As chuvias torrenciais poden provocar desprendementos de terras e os raios das tormentas poden comezar incendios forestais. Ademais, as secas, as ondas de calor e as tormentas de neve tamén causan moitos danos. Millóns de persoas foron vítimas deste clima extremo, es ti unha delas?

 En moitas partes do mundo, catástrofes coma estas están sendo cada vez máis frecuentes e provocando máis danos. Un informe da Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella di: “O número de persoas afectadas polos desastres tamén segue aumentando, isto ocorre porque cada vez hai máis inundacións, tormentas e secas. Como resultado, moita xente morre, outros non teñen o suficiente para vivir e millóns perderon as súas casas”.

 Cando suceden estas cousas, as persoas sofren física e tamén emocionalmente. Moitos perden o seu fogar, as súas cousas ou incluso algún ser querido.

 Se sufriches algunha vez as consecuencias do clima extremo, a Biblia pode axudarche. Como o fai? Pode darche consolo, esperanza e consellos prácticos que foron moi útiles para outras persoas que pasaron polo mesmo (Romanos 15:4). Ademais, a Biblia responde preguntas que moitas persoas se fan: por que permite Deus que pasen estas cousas? Serán un castigo de Deus?

Non é un castigo de Deus

 A Biblia di que Deus non é o responsable de que suframos estas cousas, asegura que Deus non tenta a ninguén con cousas malas (Santiago 1:13). É dicir, el non causa este clima extremo que fai sufrir a tanta xente.

 É certo que a Biblia di que no pasado Deus usou as forzas da natureza para castigar as persoas malas. Pero hoxe en día non sucede o mesmo. Os desastres naturais veñen sen avisar e fan sufrir tanto as persoas boas como as malas. Non obstante, a Biblia mostra como Deus sempre protexía os inocentes, advertía as persoas do que ía pasar e explicaba os seus motivos. Por exemplo, antes de traer o diluvio nos días de Noé, Deus explicou por que o ía facer, advertiu con tempo as persoas e protexeu a Noé e a súa familia (Xénese 6:13; 2 Pedro 2:5).

 Para saber máis acerca disto, podes ler o artigo “¿Qué dice la Biblia sobre los desastres naturales?”.

Deus preocúpase polas vítimas

 A Biblia di que Xehová a preocúpase por nós e sofre cando nos pasan estas cousas. Fíxate nos seguintes exemplos:

  •   Zacarías 2:12 [2:8, TNM]: “Quen vos fere, fere a meniña do meu ollo”.

     Significado: A Xehová dóelle moito ver sufrir a xente.

  •   1 Pedro 5:7: “El coida de vós”.

     Significado: A Xehová preocúpalle que esteas ben.

 Como Xehová nos quere moito e se preocupa por nós, quere axudarnos. Como o fai? A través da Biblia dános bos consellos e a esperanza dun futuro onde non haberá máis desastres naturais (2 Corintios 1:3, 4).

Pronto o clima extremo non será un problema

 Na Biblia, Xehová promete que nos dará “un porvir e unha esperanza” (Xeremías 29:11). O seu desexo é que as persoas desfruten da vida na Terra feita un paraíso, e que non vivan con medo ó clima deste planeta (Xénese 1:28; 2:15; Isaías 32:18).

 Como será posible iso? Xehová farao posible grazas ó seu Reino, un goberno celestial no que Xesús é o Rei (Mateo 6:10). O fillo de Deus ten a sabedoría e o poder necesarios para controlar os desastres naturais. Podemos estar seguros disto porque cando Xesús estivo na Terra, demostrou que tiña o poder para controlar as forzas da natureza (Marcos 4:37-41). El gobernará con sabedoría ensinándonos como coidar o noso planeta e deixar de danar a natureza (Isaías 11:2). Cando Xesús goberne a Terra, ninguén volverá sufrir polo clima extremo.

 Poida que te preguntes: “Cando fará iso Xesús?”. Para descubrir a resposta podes ler o artigo “¿Cuándo gobernará la Tierra el Reino de Dios?”.

Que podes facer xa agora?

 Os consellos da Biblia poden axudarche antes, durante e despois de sufrir polo clima extremo.

  •   Antes: prepárate para actuar o máis rápido posible.

     O que di a Biblia: “O asisado ve o perigo e apártase; os docas [ou inexpertos] tiran para diante, e páganas” (Proverbios 22:3).

     Significado: Pensa nos posibles perigos da túa zona e así poderás actuar rápido e protexer a túa familia.

     Experiencia: “O día que escapamos do incendio estabamos ben preparados. Tiñamos listas as nosas mochilas de emerxencia cos nosos medicamentos e con roupa. Arredor nosa a xente entrou en pánico, non sabían que facer. Estou moi agradecida porque nós nese momento tiñamos todo o necesario” (Tamara, California, Os Estados Unidos).

  •   Durante: céntrate no que importa de verdade.

     O que di a Biblia: “Por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens” (Lucas 12:15).

     Significado: A vida é máis importante que as cousas que temos.

     Experiencia: “Cando o tifón Lawin b destruíu a nosa casa non sabía que facer, así que lle orei a Xehová e díxenlle como me sentía. Entón dinme conta de que só perderamos cousas materiais e non o máis importante, as nosas vidas” (Leslie, Filipinas).

  •   Despois: Pensa no día de hoxe e non te preocupes polo de mañá.

     O que di a Biblia: “Non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira” (Mateo 6:34).

     Significado: Non te preocupes demasiado polo que poida pasar no futuro.

     Experiencia: “Despois de que o furacán Irma inundara a miña casa, de repente, tiven que tomar moitas decisións e iso causoume moito estrés. Entón intentei seguir o consello da Biblia de non preocuparme polo día seguinte e sorprendeume ver o que son capaz de superar coa axuda de Xehová” (Sally, Florida, Os Estados Unidos).

 Para máis consellos prácticos podes ler o artigo “Cuando golpea un desastre. Qué hacer para sobrevivir”.

a Xehová ou Iavé é o nome de Deus (Isaías 42:8).

b Tamén coñecido como o tifón Haima.