Ir ó contido

Que é o pecado?

Que é o pecado?

O que di a Biblia

 Un pecado é calquera acción, sentimento ou pensamento que vaia en contra das normas de Deus. Isto inclúe incumprir a lei de Deus facendo o que está mal ou é inxusto dende o seu punto de vista (1 Xoán 3:4, TNM; 5:17). A Biblia tamén fala do pecado por omisión, é dicir, negarse a facer o que é correcto (Santiago 4:17).

 Nos idiomas orixinais da Biblia, as palabras que se traducen como pecado significan “fallar o tiro” ou “non acertar no branco”. Por exemplo, no antigo Israel había un grupo de soldados que eran expertos lanzando pedras. A Biblia di que eran “capaces de lanzar unha pedra a un pelo sen fallaren”. A expresión “sen fallaren” podería traducirse literalmente como “sen pecar” (Xuíces 20:16). Polo tanto, pecar significa fallar o obxectivo de cumprir as normas perfectas de Deus.

 Como Creador, Deus ten o dereito de establecer normas para a humanidade (Apocalipse 4:11). E nós temos que renderlle contas das nosas accións (Romanos 14:12).

É posible non pecar nunca?

 Non. A Biblia di que “todos pecaron, e carecen da gloria de Deus” (Romanos 3:23; 1 Reis 8:46; Eclesiastés 7:20; 1 Xoán 1:8). Por que sucede isto?

 Ó principio, os primeiros humanos, Adam e Eva, non pecaban. Isto era por que Deus os creara perfectos, á súa imaxe (Xénese 1:27). Pero perderon a súa perfección ó desobedecer a Deus (Xénese 3:5, 6, 17-19). Cando tiveron fillos, transmitíronlles o pecado e a imperfección coma se fose unha enfermidade hereditaria (Romanos 5:12). Como dixo o rei David de Israel: “Eu nacín no pecado” (Salmo 51:7 [51:5, TNM]; cursiva nosa).

Son algúns pecados peores ca outros?

 Si. Por exemplo, a Biblia di que “as xentes de Sodoma eran ruíns e moi pecadoras”, e que o seu pecado era grave (Xénese 13:13; 18:20). Vexamos tres factores que determinan a gravidade dun pecado.

  1.   Tipo de pecado. A Biblia advírtenos de que evitemos pecados graves como a inmoralidade sexual, a idolatría, o roubo, a borracheira, a extorsión, o asasinato e o espiritismo (1 Corintios 6:9-11; Apocalipse 21:8). A Biblia diferencia estes pecados dos que se fan sen pensar ou sen querer, como por exemplo, cando dicimos ou facemos algo que lle fai dano a alguén (Proverbios 12:18; Efesios 4:31, 32). Aínda así, a Biblia anímanos a non quitarlle importancia a ningún pecado, xa que facelo podería levarnos a cometer outros pecados máis graves (Mateo 5:27, 28).

  2.   Motivación. Algúns pecados cométense por ignorancia, é dicir, por non coñecer as normas de Deus (Feitos 17:30; 1 Timoteo 1:13). Aínda que a Biblia non xustifica estes pecados, si que os distingue dos que se fan coa intención de desobedecer as normas de Deus (Números 15:30, 31). A Biblia di que os pecados que se cometen a propósito veñen dun “perverso corazón” (Xeremías 16:12).

  3.   Frecuencia. A Biblia tamén fai distinción entre cometer un pecado unha soa vez e practicar o pecado durante un período prolongado de tempo. Deus condena a quen, despois de aprender o que é correcto, segue practicando o pecado (Hebreos 10:26, 27).

 Os que cometen pecados graves poderían sentirse angustiados polo peso da culpa. Por exemplo, o rei David escribiu: “As miñas culpas sóbenme á cabeza, coma carga que non podo aturar” (Salmo 38:5 [38:4, TNM]). Pero a Biblia dános esta esperanza: “Que o malvado deixe o seu vieiro, e que o home pecador (deixe) os seus plans, que se volva ó Señor para que teña misericordia del, que (se volva) ó noso Deus que ¡tanto engrandece ó perdoar!” (Isaías 55:7).