Ir ó contido

Quen é Xehová?

Quen é Xehová?

O que di a Biblia

 Xehová é o Deus verdadeiro do que fala a Biblia, o Creador de tódalas cousas (Apocalipse 4:11). É o Deus que adoraban os profetas Abraham e Moisés, e tamén Xesús (Xénese 24:27; Éxodo 15:1, 2; Xoán 20:17). Non é o Deus dun único pobo, senón de “toda a terra” (Salmo 47:3 [47:2, TNM]).

 A Biblia ensina que o nome propio de Deus é Xehová ou Iavé, un nome que só lle pertence a el (Éxodo 3:15; Isaías 42:8). Vén dun verbo hebreo que significa “chegar a ser” e varios expertos opinan que o nome significa: “El fai que chegue a ser”. Esta definición encaixa moi ben co papel de Xehová como Creador e co feito de que cumpre todo o que se propón (Isaías 55:10, 11). A Biblia tamén nos axuda a coñecer a persoa que está detrás do nome Xehová, especialmente a súa calidade principal: o amor (Éxodo 34:5-7; Lucas 6:35; 1 Xoán 4:8).

 O nome Xehová é unha tradución ó galego do nome de Deus en hebreo. Este nome escribíase coas catro letras hebreas יהוה (IHVH), coñecidas como o Tetragrámaton. Inda que non se sabe cal era a pronunciación exacta do nome de Deus en hebreo antigo, o nome Xehová leva usándose dende hai moito tempo. Unha das primeiras veces que aparece o nome de Deus en galego é na “Paráfrasis d’o Salmo 136 de David”, de José Pérez Ballesteros, publicada en 1880 no número 2 da Revista de Galicia. a

Por que non se sabe cal era a pronunciación do nome de Deus en hebreo antigo?

 O hebreo antigo escribíase sen vogais, só se usaban consoantes. Ó pronunciar as palabras, calquera persoa que falase hebreo, sabía ben que vogais debía usar. Pero, despois de que se completaron as Escrituras Hebreas ou Antigo Testamento, algúns xudeus deixáronse levar pola crenza supersticiosa de que estaba mal pronunciar o nome de Deus. Cando lían en voz alta algunha pasaxe que contiña o nome de Deus, substituíano por expresións como “Señor” ou “Deus”. Co paso dos séculos, esta superstición estendeuse e acabouse perdendo a pronunciación antiga. b

 Hai quen opina que o nome de Deus se pronunciaba “Iahveh”, inda que outros suxiren outras posibilidades. Entre os Rolos do Mar Morto, hai un fragmento de Levítico en grego no que aparece o nome de Deus transliterado como Iao. Outros escritores gregos de tempos antigos tamén propoñían as pronunciacións: Iaé, Iabé ou Iaué. Pero non se pode demostrar que ningunha destas fose a pronunciación que usaban no hebreo antigo. c

Ideas equivocadas sobre o nome de Deus na Biblia

 Idea equivocada. As traducións que usan “Xehová” engadiron ese nome.

 Realidade. O nome de Deus en hebreo, representado coas catro letras do Tetragrámaton, aparece unhas 7000 veces na Biblia. d A maioría das traducións quitárono sen ningún motivo, e substituírono por títulos como “Señor”.

 Idea equivocada. O Deus todopoderoso non necesita un nome que o identifique.

 Realidade. Deus mesmo fixo que os escritores da Biblia escribisen o Seu nome miles de veces. Ademais, mándalles ós seus servos que usen ese nome (Isaías 42:8; Xoel 3:5 [2:32, TNM]; Malaquías 3:16; Romanos 10:13). De feito, Deus condenou os falsos profetas que intentaron facer que a xente esquecese o Seu nome (Xeremías 23:27).

 Idea equivocada. Hai que seguir a tradición xudía e quitar o nome de Deus da Biblia.

 Realidade. É certo que algúns escribas xudeus non pronunciaban o nome de Deus. Pero non o quitaron das copias que fixeron da Biblia. En calquera caso, Deus non quere que sigamos tradicións humanas que nos fan ir en contra do que el manda (Mateo 15:1-3).

 Idea equivocada. O nome de Deus non debe usarse na Biblia porque non se sabe con exactitude como se pronunciaba en hebreo.

 Realidade. Este razoamento dá por sentado que Deus quere que tódalas persoas pronuncien o Seu nome do mesmo xeito, sen importar o idioma que falen. Pero a Biblia indica que os servos de Deus do pasado pronunciaban os nomes propios como era habitual no seu idioma.

 Fíxate por exemplo no xuíz israelita Xosué. Os cristiáns do século primeiro que falaban hebreo posiblemente dicían Ieoxúa, e os que falaban grego, Iesús. Na Biblia aparece a tradución ó grego deste nome hebreo, o que demostra que os cristiáns utilizaban os nomes propios que eran comúns no seu idioma (Feitos 7:45; Hebreos 4:8).

 O mesmo se pode dicir sobre a tradución do nome de Deus. O que realmente importa non é a súa pronunciación exacta, senón que este nome ocupe o lugar que lle corresponde na Biblia.

a Nesta ocasión, José Pérez Ballesteros usou a forma “Iowah”. A medida que o idioma foi evolucionando, tamén foi cambiando a forma de escribir o nome de Deus. Por exemplo, o mesmo autor usou a forma “Jeovah” no ano 1900, na “Paráfrasis d’o Salmo VIII de David” (Revista Gallega, número 252). E Avelino Rodríguez Elías usou a forma “Xehová” no ano 1922 en O Cantar d’os Cantares.

b A segunda edición da New Catholic Encyclopedia, volume 14, páxinas 883-884 di: “Algún tempo despois do Desterro, o nome Yahweh comezou a ser obxecto de especial reverencia, de modo que xurdiu o costume de substituílo polas palabras ADONAI ou ELOHIM”.

c Se queres máis información, consulta o Apéndice A4 de La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo, titulado “El nombre de Dios en las Escrituras Hebreas”.

d Consulta o Theological Lexicon of the Old Testament (Léxico Teolóxico do Antigo Testamento), volume 2, páxinas 523-524.