Ir ó contido

Por que as testemuñas de Xehová celebran a Cea do Señor dun xeito diferente ó doutras confesións relixiosas?

Por que as testemuñas de Xehová celebran a Cea do Señor dun xeito diferente ó doutras confesións relixiosas?

 Observamos a Última Cea seguindo estritamente as indicacións que dá a Biblia ó respecto. Esta celebración tamén é coñecida como “Cea do Señor”, ou Conmemoración da Morte de Cristo (1a Corintios 11:20, A Biblia [SEPT]). Pola contra, outras crenzas e prácticas relixiosas relacionadas con tal celebración non teñen a súa orixe na Biblia.

Por que se celebra?

 O propósito da Cea do Señor é recordar a Xesús e demostrar que agradecemos o sacrificio que fixo por nós (Mateo 20:28; 1a Corintios 11:24). Non é nin un sacramento nin un acto relixioso que outorgue algún tipo de graza divina ou sirva para o perdón dos pecados. a A Biblia ensina que o perdón dos pecados non se obtén mediante un rito relixioso, senón mediante a fe en Xesús (Romanos 3:25; 1a Xoán 2:1, 2).

Con que frecuencia hai que celebrala?

 Xesús mandou ós seus seguidores que conmemorasen a Cea do Señor, pero non especificou con que frecuencia debían facelo (Lucas 22:19). Algúns cren que se debe celebrar unha vez ó mes, e outros que unha vez á semana, tódolos días, varias veces ó día, ou sempre que a persoa o crea preciso. Para saber con que frecuencia celebrala debemos ter en conta os seguintes factores.

 Xesús instituíu a Cea do Señor o día en que os xudeus celebraban a Pascua, e morreu horas máis tarde ese mesmo día (Mateo 26:1, 2). Isto non foi unha coincidencia. A Biblia compara o sacrificio de Xesús co do cordeiro pascual (1a Corintios 5:7, 8). A Pascua xudía celebrábase unha vez ó ano (Éxodo 12:1-6; Levítico 23:5). Do mesmo xeito, os primeiros cristiáns celebraban a Conmemoración da Morte de Xesús unha vez ó ano, e as testemuñas de Xehová seguen este mesmo patrón establecido na Biblia. b

Cando hai que celebrala?

 O modelo que Xesús puxo axúdanos a determinar tanto a frecuencia como a data e a hora nas que debemos celebrar a Cea do Señor. El instituíuna o día 14 do mes de nisán do ano 33 n. e., segundo o calendario lunar da Biblia, despois de se poñer o sol (Mateo 26:18-20, 26). Hoxe en día, as testemuñas de Xehová seguimos a celebrala unha vez ó ano nesa mesma data, tal e como facían os primeiros cristiáns. c

 Aínda que o 14 de nisán do ano 33 n. e. cadrou en venres, cada ano pode caer en distintos días da semana. Para saber cando cadra o 14 de nisán cada ano, usamos o mesmo método que seguían os xudeus nos tempos de Xesús, en vez do que se utiliza no calendario xudeu actual. d

O pan e o viño

 Nesta nova celebración, Xesús utilizou o pan sen lévedo e mais o viño tinto que sobraran despois de rematar a cea da Pascua (Mateo 26:26-28). Seguindo o seu exemplo, nós usamos pan sen lévedo ou calquera outro aditivo, e mais viño tinto de mesa, non zume de uva, viño doce, con especias ou tipo xerez.

 Algunhas confesións relixiosas usan pan con lévedo, pero na Biblia moitas veces o lévedo aparece como símbolo do pecado e da corrupción (Lucas 12:1; 1a Corintios 5:6-8; Gálatas 5:7-9). Por esta razón só o pan sen lévedo ou sen calquera outro aditivo é o axeitado para representar o corpo sen pecado de Cristo (1a Pedro 2:22). Outra práctica que a Biblia non recolle é a de substituír o viño por zume de uva sen fermentar. Algunhas relixións así o fan porque prohiben o consumo de alcohol, mais tal prohibición carece de fundamento bíblico (1a Timoteo 5:23).

O pan e o viño son símbolos

 O pan sen levedar e mailo viño tinto empregados na Conmemoración son símbolos, é dicir, representan o corpo e o sangue de Cristo. En ningún momento se converten milagrosamente no seu corpo e sangue literais, como algúns cren. Vexamos que pasaxes bíblicas apoian este razoamento.

  •   Se Xesús mandase ós seus discípulos beber o seu sangue, estaría pedíndolles que desobedecesen a lei divina que prohibe inxerilo (Xénese 9:4; Feitos 15:28, 29). Sen dúbida, Xesús nunca mandaría quebrantar a lei de Deus con respecto á santidade do sangue (Xoán 5:28, 29).

  •   O sacrificio de Xesús tivo lugar “dunha vez para sempre” (Hebreos 9:25, 26). Non obstante, se o pan e mailo viño se transformasen no seu corpo e no seu sangue cada vez que se celebra a Cea do Señor, os que participan na mesma estarían repetindo tal sacrificio.

  •   Xesús dixo: “Facede isto en lembranza miña”, non “en sacrificio meu” (1a Corintios 11:24).

 A doutrina da transubstanciación, é dicir, aquela que di que o pan e o viño se transforman no corpo e no sangue literais de Xesús, ten a súa orixe na forma de interpretar as palabras empregadas nalgunhas pasaxes bíblicas. Por exemplo, moitas traducións da Biblia verten as palabras de Xesús respecto ó viño da seguinte maneira: “Isto é o meu sangue” (Mateo 26:28). Non obstante, esta expresión tamén se pode traducir así: “Isto significa o meu sangue”, “isto representa o meu sangue” ou “isto simboliza o meu sangue”. e Como xa tiña feito en moitas ocasións, Xesús estaba empregando unha metáfora para explicar as súas ensinanzas (Mateo 13:34, 35).

Quen participa?

 Só un pequeno número de persoas toma o pan e o viño na Cea do Señor que as testemuñas de Xehová celebramos. Cal é a razón?

 Co seu sangue, Xesús selou unha nova alianza que substituía a que Deus establecera coa antiga nación de Israel (Hebreos 8:10-13). Só os que forman parte desta alianza comen o pan e beben o viño durante a celebración da Conmemoración. Isto non inclúe tódolos cristiáns, senón “os que están chamados” por Deus dun xeito especial (Hebreos 9:15; Lucas 22:20). A Biblia explica que estas persoas gobernarán con Cristo no ceo, e que tal privilexio só o recibirán 144.000 (Lucas 22:28-30; Apocalipse 5:9, 10; 14:1, 3).

 En contraposición con esta “grea pequena” chamada a reinar con Cristo, os máis de nós temos a esperanza de formar parte do “mundo de xente” que vivirá para sempre na terra (Lucas 12:32; Apocalipse 7:9, 10). Aínda que os que temos a esperanza de vivir na terra non comemos o pan nin bebemos o viño na Conmemoración, asistimos a tal celebración para expresar o noso agradecemento polo sacrificio que Xesús fixo a favor noso (1a Xoán 2:2).

a O libro El Espíritu Santo, la Iglesia y los sacramentos di na páxina 12: “A Escritura non emprega o termo ‘sacramento’: habla de ‘misterio’. [...] Non obstante, O Novo Testamento non aplica o termo ‘misterio’ ó bautismo e á Eucaristía [celebración da Cea do Señor]”.

b Ver The New Schaff-Herzog Encyclopedia of Religious Knowledge, volume 6, páxinas 43-44, e McClintock and Strong’s Cyclopedia, volume 8, páxina 836.

c Ver The New Cambridge History of the Bible, volume 1, páxina 841.

d Para marcar o comezo do mes de nisán, o calendario xudeu moderno guíase pola lúa nova astronómica, pero tal non era o método empregado no primeiro século. Daquela, o mes comezaba cando a lúa nova se vía por primeira vez en Xerusalén, momento que pode variar ata un día ou máis respecto da lúa nova astronómica. Esta diferenza é unha das razóns polas que a data na que as testemuñas de Xehová celebran a Cea do Señor non sempre cadra coa que empregan os xudeus para celebrar a Pascua na actualidade.

e Ver A New Translation of the Bible, de James Moffatt; The New Testament​—A Translation in the Language of the People, de Charles B. Williams; e The Original New Testament, de Hugh J. Schonfield.